Meniños·proxectos educativos·Recursos educativos

Crea a túa propia historia no “Reino das emocións”

A educación emocional é un proceso vivo e constante que debe ser alimentado ao longo de toda a vida. Por iso, no marco do proxecto “Viaxe ao reino das emocións” apostamos por xerar material complementario como novas fichas, unha filmografía, material de traballo e máis recentemente un álbum de cromos. Agora dámoslle un novo impulso ao proxecto por medio da realización dun xogo online no que poderedes crear o voso propio contido cos personaxes e principais escenarios do proxecto.

Este xogo permite completar escenas nas que se pode colocar ás personaxes Draco e a Durco no castelo, ou a Iris no bosque de Quirón. Ademais, como o seu obxectivo é facilitar a comprensión e interiorización das competencias emocionais traballadas no proxecto, pódense crear diálogos entre os personaxes, ben utilizando as frases predefinidas e onomatopeas existentes, ben escribindo as vosas propias frases.

Existe tamén unha función para estes globos de diálogo que é especialmente interesante para os máis pequenos e pequenas: a posibilidade de subir imaxes nos mesmos, representando o que queren dicir e facilitando así a comunicación por medio de debuxos ou pictogramas.

Estes cadros que se compoñen cos escenarios, personaxes e diálogos complétanse coa posibilidade de incluír elementos para explicar a situación que se quere contar, como un mapa, un libro ou unha variña máxica. Finalmente, a imaxe resultante pódese acompañar con música que representa as emocións básicas, para axudar a transmitir a mensaxe e tamén a identificar mellor a emoción.

Os mestres e mestras podedes utilizar os personaxes para recordar actividades na aula, ou dar indicacións do que se quere conseguir coas mesmas. Ademais, como as imaxes pódense descargar é posible crear pequenas historias tipo cómic coas mesmas.

Invitámosvos a probar este xogo, utilizade toda a vosa imaxinación para darlle vida á historia de Draco!

Podedes atopar o xogo nesta ligazón: http://xogo.mundodemilu.org