Meniños·proxectos educativos·Recursos educativos

Crea a túa propia historia no “Reino das emocións”

A educación emocional é un proceso vivo e constante que debe ser alimentado ao longo de toda a vida. Por iso, no marco do proxecto “Viaxe ao reino das emocións” apostamos por xerar material complementario como novas fichas, unha filmografía, material de traballo e máis recentemente un álbum de cromos. Agora dámoslle un novo impulso ao proxecto por medio da realización dun xogo online no que poderedes crear o voso propio contido cos personaxes e principais escenarios do proxecto.

Este xogo permite completar escenas nas que se pode colocar ás personaxes Draco e a Durco no castelo, ou a Iris no bosque de Quirón. Ademais, como o seu obxectivo é facilitar a comprensión e interiorización das competencias emocionais traballadas no proxecto, pódense crear diálogos entre os personaxes, ben utilizando as frases predefinidas e onomatopeas existentes, ben escribindo as vosas propias frases.

Existe tamén unha función para estes globos de diálogo que é especialmente interesante para os máis pequenos e pequenas: a posibilidade de subir imaxes nos mesmos, representando o que queren dicir e facilitando así a comunicación por medio de debuxos ou pictogramas.

Estes cadros que se compoñen cos escenarios, personaxes e diálogos complétanse coa posibilidade de incluír elementos para explicar a situación que se quere contar, como un mapa, un libro ou unha variña máxica. Finalmente, a imaxe resultante pódese acompañar con música que representa as emocións básicas, para axudar a transmitir a mensaxe e tamén a identificar mellor a emoción.

Os mestres e mestras podedes utilizar os personaxes para recordar actividades na aula, ou dar indicacións do que se quere conseguir coas mesmas. Ademais, como as imaxes pódense descargar é posible crear pequenas historias tipo cómic coas mesmas.

Invitámosvos a probar este xogo, utilizade toda a vosa imaxinación para darlle vida á historia de Draco!

Podedes atopar o xogo nesta ligazón: http://xogo.mundodemilu.org

Infancia·Meniños·Recursos educativos·Uncategorized

“Viaxe ao reino das emocións” medra e convértese en álbum de cromos

Como anunciábamos hai uns días, este curso temos varias novidades relacionadas coa aposta que facemos por achegar á educación emocional aos colexios e ás familias.

Despois de tres anos de presenza deste proxecto nas aulas galegas, e buscando unha maneira lúdica de estender a viaxe de Draco a todas as familias creamos un novo proxecto que sae da proposta “Viaxe ao reino das emocións”. Trátase dun álbum de cromos que parte da mesma, e que permitirá coñecer un pouco máis o reino do Aloia e tamén as personaxes do conto ao redor do cal se estrutura este proxecto. Así, a través das súas páxinas poderemos visitar a casa do sabio, os túneis das toupiñas e o laboratorio de Iris, entre outros escenarios, mentres aprendemos a recoñecer as principais emocións. A maiores, o álbum inclúe algún pequeno xogo no que os nenos e nenas tamén poñerán en práctica o aprendido. 

Presentamos este proxecto da man de Vegalsa -Eroski, que nos facilita a súa distribución nos centros Eroski de Baiona, Mos, Ponteareas, Porriño, Pontevedra e Vigo. Esta colaboración, xunto coa de Disashop, é a que nos permitiu lanzar este proxecto, cuxa recadación irá destinada integramente aos nosos proxectos a favor da infancia.

Se queredes coñecer o castelo de Draco por dentro, e saber como se pode chegar ata o Aloia, animámosvos a coñecer este álbum e  a compartilo cos vosos nenos e nenas.

Podes consultar o listado de supermercados onde se pode adquirir este álbum na seguinte ligazón.

Meniños·Recursos educativos·Voluntariado

Buscamos unha persona voluntaria na Coruña para a área de proxectos educativos e preventivos

Actividade do CEIP de Cervo coa proposta educativa “Viaxe ao reino das emocións”

Precisamos incorporar a unha persoa voluntaria para a área de proxectos educativos e preventivos na nosa sede central da Coruña.

Buscamos una persona que colabore na difusión do proxecto “Viaxe ao reino das emocións”, e realice tamén tarefas comunicativas e de sensibilización relacionadas ca área (eventos, mesas informativas…).

Perfil das persoas voluntarias:

  • Boas habilidades organizativas e comunicativas.
  • Bo manexo de ferramentas informáticas.
  • Coñecementos de educación infantil e primaria.
  • Interese por temas de educación e crianza.
  • Dispoñibilidade de mañás, especialmente entre setembro e decembro.
  • Dispoñibilidade puntual algunha tarde ou fin de semana.

As personas interesadas poden dirixirse ao seguinte contacto: proxectos.educativos@meninos.org