Infancia·Meniños·Recursos educativos·Uncategorized

“Viaxe ao reino das emocións” medra e convértese en álbum de cromos

Como anunciábamos hai uns días, este curso temos varias novidades relacionadas coa aposta que facemos por achegar á educación emocional aos colexios e ás familias.

Despois de tres anos de presenza deste proxecto nas aulas galegas, e buscando unha maneira lúdica de estender a viaxe de Draco a todas as familias creamos un novo proxecto que sae da proposta “Viaxe ao reino das emocións”. Trátase dun álbum de cromos que parte da mesma, e que permitirá coñecer un pouco máis o reino do Aloia e tamén as personaxes do conto ao redor do cal se estrutura este proxecto. Así, a través das súas páxinas poderemos visitar a casa do sabio, os túneis das toupiñas e o laboratorio de Iris, entre outros escenarios, mentres aprendemos a recoñecer as principais emocións. A maiores, o álbum inclúe algún pequeno xogo no que os nenos e nenas tamén poñerán en práctica o aprendido. 

Presentamos este proxecto da man de Vegalsa -Eroski, que nos facilita a súa distribución nos centros Eroski de Baiona, Mos, Ponteareas, Porriño, Pontevedra e Vigo. Esta colaboración, xunto coa de Disashop, é a que nos permitiu lanzar este proxecto, cuxa recadación irá destinada integramente aos nosos proxectos a favor da infancia.

Se queredes coñecer o castelo de Draco por dentro, e saber como se pode chegar ata o Aloia, animámosvos a coñecer este álbum e  a compartilo cos vosos nenos e nenas.

Podes consultar o listado de supermercados onde se pode adquirir este álbum na seguinte ligazón.