ONGs galegas vólvense unir para pedir a X Solidaria na declaración da renda

Representantes de Organizacións non Lucrativas Galegas presentaron o pasado día 4 de maio a Campaña X Solidaria que cada ano leva a cabo o sector solidario para concienciar ás/aos contribuíntes sobre a necesidade de marcar o cadro de “Fins Sociais” na declaración da renda e contribuír así co 0,7% da súa cota íntegra a programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos.

Co obxectivo de seguir aumentando o número de persoas contribuíntes que apostan por marcar a X Solidaria, EAPN Galicia-Rede Galega Contra a pobreza, (da que forma parte Meniños), a Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual en Galicia (FADEMGA), a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD), a Confederación de Centros de Desarrollo Rural (COCEDER) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), únense este ano de novo para reforzar a información dirixida á cidadanía baixo o lema: “Cun pequeno xesto as cousas cambian… queres velo?”

Na situación actual, esta Campaña ten aínda maior relevancia. Os recortes en programas e servizos de acción social poñen en perigo a cohesión social e o benestar da poboación en situación de pobreza e exclusión, cada vez máis numerosa. As políticas solidarias teñen unha dimensión económica, e en consecuencia, non supoñen unicamente un gasto, senón tamén unha inversión.

O ano pasado, recadáronse en Galicia a través da cadro Fins Sociais 13,6 millóns de euros. Se todas os contribuíntes galegos marcaran o recadro de fins sociais, os cartos destinados aos proxectos para as persoas máis desfavorecidas incrementaría en 12 millóns de euros e cantidade final destinada sería de 25,8 millóns de euros.

Grazas ao 0,7% do recadro Fins Sociais, en España hai máis cinco millóns e medio de persoas beneficiarias dos programas sociais que se desenvolven a través do recadado. Os colectivos aos que van destinados estes programas son a infancia, a mocidade, as mulleres, as persoas maiores, con discapacidade, drogodependentes, que viven con VIH/SIDA, o pobo xitano, persoas reclusas e ex reclusas, persoas migrantes e persoas beneficiarias de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

En Galicia, as entidades que impulsan esta iniciativa son:

EAPN Galicia- Rede contra a pobreza tendo como misión incidir no deseño de novas políticas e prácticas que contribúan á defensa dos dereitos e intereses das persoas en risco de pobreza e exclusión social. EAPN-Galicia está conformada por dezaseis entidades con ampla traxectoria de traballo: ACCEM Galicia, Asociación Plataforma polo Emprego, Cáritas Diocesana de Ourense e de Tui – Vigo, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Cruz Vermella, Emaús Fundación Social, Federación Autismo Galicia, Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES GALICIA), Federación DOWN GALICIA, Fundación Érguete Integración, Fundación Meniños, Fundación Secretariado Xitano, Fundación Juan Soñador,
Fundación Ronsel e Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (IGAXES 3).

Federación de Asoc. das Persoas con Discapacidade Intelectual en Galicia (FADEMGA). Con 41 asociacións galegas federadas, FADEMGA FEAPS GALICIA está integrada na Confederación FEAPS (Confederación Española de Organizacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual). Conta con preto de 4.700 persoas con discapacidade intelectual, 10.000 asociados, 87 centros que ofertan máis de 170 servizos e 1.377 profesionais ademais de superar os 1.200 voluntarios.

Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD). Organización sen ánimo de lucro que naceu en 1991 e que, na actualidade, agrupa un total de 47 ONG de Desenvolvemento que traballan no eido da cooperación internacional, a acción humanitaria e de emerxencia, a educación para unha cidadanía global e a incidencia política. A súa misión principal é contribuír a erradicación da pobreza no mundo no marco dun desenvolvemento sostible e de promoción dos dereitos humanos.

Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG)
É unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1979 e, na actualidade, está integrada por sete asociacións. A súa misión é asegurar o desenvolvemento global das persoas xordas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades.

Confederación de Centros de Desarrollo Rural (COCEDER). Entidade sen ánimo de lucro formada por un conxunto de Centros de Desenvolvemento Rural (CDR que traballa en proxectos de desenvolvemento rural promovendo a participación activa da poboación local mediante a cooperación e o voluntariado social.

Fonte: EAPN-GALICIA

Anuncios
Esta entrada fue publicada en Actualidad, Fundación, Meniños. Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s